mércores, agosto 12, 2015

Leite e merda! Merda e leite!

Hoxe non poderei estar fisicamente en Lalín. En xaneiro de 2011 publiquei este artigo que logo recollín nun libro: Daquí e dacolá. Follas voadeiras (2015). Déixoo aquí para estar en co pensamento
Estas sonoras, breves e rítmicas verbas pronunciábaas, brusca e reiteradamente, Burt Lancaster, trasterrado á Toscana e transmutado en Alfredo Berlinghieri mentres, na ampla e limpa corte con ducias de mansas vacas rillando na herba seca, enzoufaba os seus níveos e señoriais pes na bosta fresca e munguía, sen xeito, as inchadas ubres vacúas para deitar unhas pingas de leite sobre o seu rostro impuro antes de ceibar todo o gando e afogarse nunha corda pendurada dunha trabe para cumprir o guión dos irmáns Bertolucci en Novecento. O vello Berlinghieri tiña merda no cerebro. Tan merdento era que lle anunciou a súa morte suicida aos seus moitos criados e fixo que o vello Dalcó tivese que traballar, aínda máis, xuntando as reses que el ceibara. Era no enceto do século pasado iniciado coa morte de Verdi. El, como Otero Pedrayo, era un home do século pasado.
Medio século despois o meu avó e a miña avoa andaron sempre entre leite e merda pero sen tempo para que esta se lle metese nos miolos. Alí só entraba a tristura permanente da choiva e os malos pensamentos da fame que se botaban fóra co labor diario entre vacas, leite e estrume. A ledicia non era Verdi, senón darlle, pola canada, uns grolos de leite, quentiño das ubres, aos netiños. Eran a Marela, a Paloma, a Rubia, a Toura, a Pinta a súa salvación. Espreitaban dende o leito calquera indicio de enfermidade vacúa e, cando chegaba a boa nova da preñez dunha delas, pasaban as noites en vela para que o parto fose adiante.

Medio século despois os meus curmáns tiñan tantas vacas como o Berlighieiri, metidas nunha corte alongada como a do toscano. Non tiñan criados pero mercaron máquinas eléctricas para o traballo. Gastaron cartos que non tiñan e producían leite a esgalla que vendían aos das empresas que comezaron por recollerllo a diario e pagarllo un mes despois. Despois comezaron a baixar os prezos e… seguíronos baixando. Logo ameazáronnos con que ou baixaban máis ou non llo recollían. Algúns dos meus parentes cansaron e abandonaron. Outros aínda seguen, xa que se non que imos facer coas terras: “deixalas a monte”. Aos de máis alá entráronlle os malos pensamentos, viráronselle os miolos e fixeron de todo, mataron a filla, queimaron a casa…, seica para salvar as vacas e poder seguir entre a merda e o leite*.
Aquí non houbo luminosas fotografías amarelas de Vittorio Storaro nin amables notas enguedelladas por Ennio Morricone. Aquí só queda triste escuridade e monótono silencio.

* No pasado mes de novembro (2010) José Mouriño Soto e Carmen Reboredo Lalín agoniados polas débedas contraídas pola súa explotación leiteira prendéronlle lume á súa casa en Outeiro, parroquia de Barcia, concello de Lalín. No incendio morreu a súa filla Sonia, de 21 anos, e Amador,de 83 anos, un criado de sempre da familia; salváronse Erundina, de 89, nai de Carmen, e un fillo da primeira, de 41, con síndrome de Down.

Ningún comentario:

Publicar un comentario