Hai
un tempo faciamos un comentario sobre pintar
as medianeiras e recolliamos un chisco do debate aberto ao respecto entre
os apocalípticos, que as descualifican por
consideralas meros intentos de encubrir a fealdade e por confundir arte con
decoración, e os integrados, que nos remitían “ás paredes soñadas” de Lugrís,
aos grandes do renacemento ou aos muralistas mexicanos.
O
domingo batín, nesa mostra de arte popular efémera que son as alfombras do
Corpus, cunha alteración non banal. Resulta que un dos grupos participantes
nesta expresión colectiva optaron por innovar, por romper coa monotonía
temática e estilística, mesmo por coutar a explosión colorista sen saír dos canons
tradicionais de dimensión, liñas, etc.
Non
foron tan atrevidos como os rupturistas de Mañufe que, en Gondomar, o ano
pasado, ousaron
unha alteración substancial deseñada
por un rapaz novo, estudante universitario, aproveitando dous pasos de cebra
nos que, nun xogo de simetría, puxo a andar aos Beatles e no eixe situou un circulo floral que
lembraba un cd. Rompía coa tradición temática, suficiente para singularizala, e
coa estrutural; a alfombra rachábase para que a xente puidese observar e pasar
por entre os mantos florais, fracturaba non só a común base rectangular senón tamén
o tradicional espazo ocupado, a estrada, para agatuñar, de cando en vez, pola
beirarrúa. Chamáballe o mozo ideador “intervención urbana”. Coido que,
infortunadamente, este ano non tivo continuidade. Era un magnifico camiño a
seguir.
Dicía
entón que en Ponteareas non foron quen de avanzar na dirección indicada polos
de Gondomar. Ora, en certo xeito atrevéronse coa ruptura temática, aínda que
non foron quen de arriscarse á máis mínima innovación estrutural dunha
manifestación creadora marcada pola tradición e a cultura relixiosa, e social,
máis conservadora.
Apostaron
por unha especie de popularización da gran creación artística e incorporaron
nomes consagrados da arte aos seus deseños floristas. Alí estaban referencias
ao guernica picassiano, as meninas velazqueñas e a nosa Maruja Mallo que,
seguro, dende o máis alá, aledaríase moito de que a súa paisanaxe a lembrase
neste ano a ela dedicado.
Mentres,
miles de guiris populares non deixaban de darlle ao trebello móbil para
retratar o chan inzado de cor. Tal como os guiris intercontinentais cando van
por tras dunha bandeiriña en calquera cidade turística.
Luns
19 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario