venres, setembro 15, 2017

Retallos de BCN2. Nacionalismo cívico

“Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.  I Asambleia nazonalista de Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918.

Os galeguistas chamámonos nacionalistas dende aquela. Hai un século. Cando as nacións emerxeron despois da desfeita dos grandes imperios na Gran Guerra e tamén logo que os partidos obreiros, menos o sector bolxevique do POSDR, fincasen o xeonllo ante o chauvinismo nacionalista dos grandes estados.

Irrítame o vulgar simplismo de “todos os nacionalismos son iguais”. Primeiro porque non é certo e, en segundo  lugar, porque, se non fose tamén simple en exceso, a característica do nacionalismo é ser diferente. Nin é o mesmo o chauvinismo alemán que o francés, para citar dous nacionalismos historicamente expansionistas, nin é o mesmo o nacionalismo serbio que o croata, nin o irlandés que o catalán, nin o cubano que o norteamericano.

Ora ben, todo nacionalismo ten unha forte base sentimental. Grandioso nos expansionistas, melancólico nos defensivos. Esa intensidade amorosa excesiva, no senso chauvinista ou no da agoniante persecución,  pode ser corrixido cunha intensa racionalidade cívica que evite que o amor sexa máis forte que a razón e que a intensidade afectiva se dirixa non cara a unha etérea entidade protectora, a famosa naiciña Galicia, senón que se oriente cara á  cidadanía. Hai que querer un chisco menos a Galicia e un pouco máis os galegos e galegas; cómpre menos nostalxia da aldea de tempos idos e máis ecoloxía global; cómpre un nacionalismo máis laico, díxome unha vez un amigo, e menos relixioso.

Síntome parte desa tradición secular e nese punto de encontro entre o nacionalismo liberador e a esquerda múltiple de tradición democrática. Por iso me autodefino como nacionalista galego e polo tanto de esquerda porque nunca as elites interiores asumiron a súas obrigas dirixentes.

Matino isto en Barcelona.

Venres, 8 de setembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario