mércores, outubro 04, 2017

A aburrida inercia da vida cotiá

A frase de Marx é aplicable á ilusión das elites de que nunca pase nada. Que todo siga igual.  Ata que pasa. Pasa e pasou, pero non reaccionan. Quen vai querer cambiar o mellor dos mundos posíbeis? E este, o seu, é o mellor dos mundos posíbeis, así está ordenado polo ben, pola natureza ou por deus, segundo as crenzas.

Dixo onte Rajoy: "Hoy no ha habido un referéndum, ha sido una mera escenificación". Como é normal, faltoulle engadir. Axeitar a realidade á ideoloxía de que todo vai ben, todo se irá solucionando por si mesmo, as cousas caen polo seu propio peso... é a vella ideoloxía do poder.

“Unha verdade é clara, todo o que existe é bo” escribiu Alexander Pope a comezos do s. XVII. Coincide coa tese de Leibnitz expresada na súa Teodicea, a xustificación de deus, ante a pregunta de por que un deus bo non só permite o mal, senón que mesmo o crea?; responderá, deus non crea o mal, senón que este é obra do demo; entón só desprazamos a cuestión, xa que deus como creador absoluto e tamén quen xera e permite actuar ao maligno. Non hai nada que facer, vivimos no mellor dos mundos posíbeis, xa nolo recordara hai anos Felipe González. Nada precisa mudar.

Que Pope afirmase que todo o que existe é bo é comprensible, se temos en conta que padeceu múltiples enfermidades dende neno, entre outras unha especie de tuberculose que lle afectaba a columna vertebral que o deformou e impediu o seu crecemento, por riba, ao nacer nunha familia católica, ficou fóra do sistema educativo inglés e das mínimas axudas para a súa atención.

Leibnitz pagou o seu optimismo ficando ridiculizado para a eternidade no “Candide” de Voltaire, aquel mozo plebeo namorado da nobre e fermosa Cunegunda que segue afervoado as doutrinas do doutor Pangloss,  o seu titor, parodia de Leibnitz e do seu dogmático discípulo Wolff, que lle ensina que todo ten un porqué e todo é polo seu ben así que aínda que se criase nun fermoso castelo e o botasen a couces del, aínda que a tormenta faga naufragar o seu barco coa fortuna de que fose nas costas de Lisboa coincidindo co terremoto que asolou a cidade e librarse de que o queimasen nos autos de fe posteriores... e non seguimos... ata que Cándido, xa velliño, recuperado o amor da Cunegunda, daquela rematadamente fea, respóndelle ao doutor Pangloss, o que importa é non disertar, non argüír e cultivar a horta, xa que “tout est au mieux”, todo sucede para ben, como é normal. De que preocuparse?

Se a crise empobrece amplas capas de poboación, incluídas as clases medias, non hai problema (“Esto non es una crisis”, afirmou o xenio económico Pedro Solbes); se hai descontento co sistema corrupto de representación, tampouco (“No observo ningún descontento con nuestra democracia” afirmou a defensora do pobo Becerril). Na democracia da que eles son propietarios non hai problema algún, todo vai ben, como dixo Aznar de España cando el mandaba en persoa, porque a elite é a mesma que se sublevou no século pasado.

Ocultar, negar un problema, terxiversalo, manipulalo, non é solucionalo. Pensar que o solicitado pola cidadanía catalá, cando menos unha parte moi significativa dela, probablemente máis da metade, e subindo,  cunha parte, tamén importante, da mesma con dereito a voto, tanto lle ten ser españois como cataláns, é o resultado dunha conspiración contra España dun núcleo usurpador das institucións; diciamos que coidar que esas reclamacións son parte do mal co que hai que convivir no mellor dos mundos posibles, é a mellor forma de chegar á conclusión de que o único que se pode facer é reducir, xa que non é posíbel o exterminio, o mal á menor expresión.

Cándido logrou evadirse da Inquisición que andaba a queimar xente á que acusaba de ser a culpábel do terremoto de Lisboa.

Lúns, 2 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario