domingo, novembro 26, 2017

O barbeiro de Tabagón e os tomiñeses asasinados



    Noutros retallos témoslle dado algunhas voltas ao Rexistro Civil de Tomiño. Falamos dos tranviarios asasinados en Santa María de Tebra, na Ponte dos Ríos. Dos veciños de Teis aos que lles quitaron a vida no Monte do Candeira, en Amorín, e dos porriñeses paseados no Monte Salgueiro, tamén en Tebra. Mesmo de dous mozos que presumimos asasinados en Tui despois de seren entregados polas autoridades fascistas portuguesas ás autoridades fascistas españolas.

    Mais polo de agora non temos achegado ningún nome de veciños do propio concello tomiñés. Antes de  facelo, engadamos un nome máis á tétrica listaxe que fomos construíndo, o de José Rodríguez Vigo. O cadáver deste mecánico dentista, o último dos asasinados en Tomiño segundo a inscrición do Rexistro, levantárono o 26 de setembro de 1936 en Padrón, Santa María de Tebra e neste cemiterio parroquial foi soterrado. A diferenza das actas anteriores que facían referencia vagamente á hora do asasinato como “de noche” o “la noche anterior” nesta ocasión establece que foi no día anterior ás 17 horas; polo tanto non sempre os paseos eran nocturnos. Tiña 35 anos, solteiro, natural de Fisterra pero residente en Vigo, no nº 33 da rúa Uruguai. Fillo de Juan e María. A inscrición no rexistro faise por orde xudicial e previa identificación por carné internacional expedido en Vigo o 8 de xullo de 1936 e convencemento persoal de Joaquín González, comerciante veciño de Tomiño.

Como é sabido os asasinos tiñan por costume cometer os seus crimes fóra dos lindes do concello no que residían as vítimas, non tanto porque as autoridades políticas e militares, coñecedoras dos mesmos, lles fosen recriminar os seus actos senón por un certo sentido de prevención, tanto para evitar represalias posteriores como por un escaso sentido vergoñoso. Xa que logo é normal que nos rexistros municipais non  aparezan, ou sexan as menos, persoas do propio concello.

    No  rexistro tomiñés recóllese a inscrición de dous cadáveres de residentes. O primeiro é o de  Manuel Granada “sin 2º”, así explícito, natural da parroquia de Piñeiro,  de “menos” de 35 anos, fillo de Juana. A acta semella cuberta con desgana e moitos dos datos están en branco en contraste coa detallada frase de “divorciado de Manuela Veloso”. Divorciado e non ter segundo apelido semellan, cando menos para o escribán, os datos máis significativos deste xornaleiro que apareceu morto no Camiño da Grela, na súa parroquia natal. O cadáver foi levantado ás 11 da mañá do 18 de agosto de 1936. Este labrego casado con Felicita Cuña Álvarez, quen recoñeceu o cadáver, deixaba orfos catro cativos: Deodora, Albino, Otilia e Alfonso.

    Dez días despois foi asasinado Antonio Iglesias Perucho , de 36 anos, natural e veciño de Goián.  O cadáver do coñecido polo alcume de “O Negro”, apareceu no Campo de San Lourenzo, na súa parroquia natal. En Fuxidos,  a crónica daqueles anos de terror no Baixo Miño, obra do guardés Juan Noya, anota o autor: “E en Goián, os “heroicos” falanxistas da Guarda furan a tiros a Antonio Iglesias Perucho”.

    A infame relación de asasinados rexistrados en Tomiño está encabezada por unha das primeiras vítimas do exterminio realizado polos sublevados. O rosaleiro José Cardoso Martínez, home popular, coñecido en todo o Baixo Miño como “O Barbeiro de Tabagón”; esa era a súa profesión.

    En Fuxidos hai varias referencias ao “Barbeiro de Tabagón”, Noya refirese a el como Luís, pero no rexistro aparece como José;  formaba parte do equipo de colaboradores do xornal Nuevo Heraldo  que na vila do Tegra dirixía o propio Noya. Este anota na súa crónica: “Ó final do 36 foran xa inmolados a elite de redactores e colaboradores (...): Brasilino Álvarez, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Noya, Hipólito Gallego, José Cortés e Luís Cardoso.”

    O primeiro, alcalde da Guarda, fusilado. O segundo, secretario de xulgado de Tomiño, paseado en Mondariz. O terceiro, irmán do autor, paseado en Oia. O cuarto, mestre de Forcadela, paseado en Mondariz. O quinto, mestre de Goián, detido na Estrada, condenado a morte e  fusilado en Pontevedra, e o sexto, “ O Barbeiro”, tamén paseado.

    Noya recolle nas súas memorias que nunha ocasión, nos anos que andou agochado, escoitou a “cinco escopeteiros das Eiras” comentar que: “Luís Cardoso correspondente de Nuevo Heraldo en San Miguel, recibía cartos de Rusia e que Nuevo Heraldo se sostiña coa mesma moeda”. Conclúe Noya co seu constante humor retranqueiro: “E eu, queridos lectores, director dese semanario, sen decatarme de que o ouro moscovita saldaba o que eu lle adebedaba á casa Richard Gans que me subministrara o material.”

O barbeiro de San Miguel de Tabagón, concello do Rosal, tiña trinta anos, estaba casado con Teófila Rivero González e deixou tres orfos: Antonio, Sara e Argentina. O seu cadáver apareceu no Poste, en Goián,  o seis de agosto de 1936.

Para completar a listaxe de tomiñeses asasinados fóra do termo municipal, ademais dos tres “paseados” en Mondariz (“Paquiño de Figueiró”, “O mestre de Forcadela” e o “Zúñiga de Amorín”), recollemos da web Nomes e voces:
•   Juan Abramo Dios, mestre tomiñés que exercía en Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Broullón; “paseado” o 3 de setembro de 1936. O seu cadáver apareceu na estrada de Quiroga á altura de Abrence.
•   Justo Álvarez Díaz, labrego de 35 anos, natural e veciño de Tomiño. Xulgado en Vigo por adhesión á rebelión. Condenado a morte; executado en Vigo o 13 de xuño de 1938.
•   Ángel Millán Alonso, labrego de 28 anos, natural de Tomiño. Morto o 2 de agosto de 1936 tras enfrontamento coas forzas de ocupación en Tui.
•   José Gerónimo Rodríguez Rodríguez de 29 anos, empregado e veciño de Goián. Xulgado por “rebelión militar”, condenado á pena de morte. Executado en Vigo, no Castro, ás 11 da mañá do 28 de xaneiro de 1937.


Martes, 21 de novembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario