domingo, decembro 03, 2017

Santa María de Oia. Un campo de concentración

    
Foto: Jaume Torrelló
O baionés Herminio Ramos, que fora alcalde e estudoso de documentos do arquivo municipal da súa vila natal, deixou unhas notas manuscritas nas que  reflicte, de forma sintética, algúns acontecementos acaecidos na súa vila, fundamentalmente na década dos  trinta e primeiros corenta. Estas anotacións, cun aire de diario, van mesturadas con recensións de documentos e mesmo unha breve autobiografía. Ao conxunto denominouno cun pretensioso e decimonónico título, Efemérides baionesas.


    Entre esas “efemérides”, Ramos anota:

1939. Febrero 20. Fondea en puerto un vapor de Cruz Roja con 2.000 prisioneros procedentes de Francia y del frente de Cataluña, que solicitaron pasar á España nacional. Fueron llevados en camiones para el convento de Santa María la Real de Oya.
1939. Febrero 23. Entra en el puerto de esta villa otra expedición de prisioneros de Cataluña en número de 1.000, siendo conducidos despues de desembarcar al Convento de Santa María la Real de Oya, con una tarde infernal de mal tiempo.

    Non era a primeira vez que a vila miñorá recibía unha inxente cantidade de presos. O mesmo Ramos anotara, con anterioridade, a chegada, 28 de outubro de 1937,  do vapor “Arichachua” con 3.167 homes, 140 mulleres e algúns nenos. As xentes apresadas foron conducidas, en camións, por 300 soldados ata a residencia dos xesuítas en Camposancos, A Guarda. Os presos e presas procedían do norte (Asturias, Biscaia e Cantabria). Ramos apunta na liña anterior:

1937. Octubre 21. Se recibe en esta villa la noticia de haber entrado las tropas en Jijón, disparando el barco de los buzos surto en el puerto 21 bombas de dinamita, recorriendo las calles una manifestación patriótica.

Tamén anota as saídas. Así o 6/11/37 saíron nun vapor sesenta mulleres e nenos que estaban na Guarda, cara a Xixón. Tres días despois, no vapor “Franchuli”, fixérono 630 presos cara a Bilbao e Santoña e o 2 de decembro, no vapor Senra, embarcan 823 presos de Camposancos con destino ao penal de Santoña.

Tras a toma de Santander, agosto do 37, creáronse os campos de concentración de Cedeira, Rianxo, Camposancos- A Guarda e Muros. Coa entrada dos sublevados en Xixón creáronse os de Santa María de Oia e Ribadeo. A mediados de 1938 estaban funcionando os tres primeiros, mais despois da toma de Cataluña polas tropas de Franco crearíanse os da Coruña, Betanzos, Padrón, San Clodio en Leiro, A Pobra do Caramiñal e reabriríase o de Santa María de Oia.

Funcionou pois en dúas ocasións, durante os últimos meses de 1937, coincidindo coa toma de Xixón, mais sería ao longo do  ano 1939 cando o mosteiro estaría inzado de presos. Segundo as contas de Ramos, evidentemente redondeando, serían uns tres mil, aínda que outras informacións orais achegan a cifra de 4.000 e mesmo algúns elévana ata os cinco mil presos. Esta marea de presos procede da fronte de Cataluña. O mesmo Ramos vai indicando estes acontecementos:

1938. Abril 3. A las once de esta noche el repique de campana de la excolegiata y del convento de Dominicas, alarma a los vecinos de la villa, siendo la consecuencia el (sic) haberse recibido la toma, por el glorioso Ejercito de Franco de la ciudad de Lerida.
    Seguidamente se formo una manifestación patriótica que recorrió las calles, cantando himnos patrióticos.
1939. Enero 15. Se recibe en esta villa, por teléfono, la noticia de haberse tomado Reus y Tarragona, hechando (sic) las campanas a vuelo de todas las iglesias.
1939. Febrero 3. Se recibe noticia en esta villa de la toma de ciudad de Gerona, saliendo en manifestación el pueblo por las calles despues de oír en la Colegiata el Te Deum.

    Aos presos do “Arichachua”, segundo Ramos : “En el muelle se le dió una lata de sardinas y medio kilo de pan al desembarcar y dos onzas de chocolate”. Pola contra non di nada de se lle deron alimentos aos que en 1939 foron encerrados en Oia, só que a segunda quenda chegou, “en una tarde infernal, de mal tiempo”. Sexa como fose os presos chegaron a Baiona o 20 e o 23 de febreiro. Dous días despois o secretario habilitado do Rexistro Civil de Oia ten que inscribir o  primeiro morto no campo de prisioneiros, Luís Xirgú Alberti, de 38 anos, de Llagostera-Girona, labrego e solteiro. O falecemento ocorrera o día anterior, 24 de febreiro a causa dun “colapso”. A inscrición realízase en virtude de “oficio recibido del señor capitán Comandante Jefe del Campo de Concentración de prisioneros D. Maximino Méndez Varela”, o “Capitán Castaña” do que falamos onte.

    O de Oia funcionou como un campo de clasificación inicial onde se peneiraban os presos segundo as súas responsabilidades e ordenábanse en catro categorías, que ían dende os  simples afectos á República, pasando polos que non tiñan responsabilidades penais, polos mandos do exército republicano, responsables políticos ou sindicais ata os que eran acusados de criminais. Así pois uns presos estaban alí agardando que chegasen documentos que os identificasen ou familiares que os reclamasen e recuperar así a liberdade. Herminio Ramos anota no seu caderno:

1939. Maio. Todos los días de este mes llegan a esta villa los prisioneros rojos que estaban en Oya, los cuales son socorridos por el Auxilio Social, dándole de comer, regresando (sic) por la tarde a Vigo para de alli a Barcelona.

    A pequena vila do mosteiro estivo naqueles meses chea de mulleres e nais de presos na procura da liberdade dos seus. O noso informante, sancristán de campo de concentración, Eduardo Pérez Míguez, tiña 12 anos na altura e lembra: “as mulleres viñan visitar os homes e paraban nas casas particulares”. Nalgún caso a visita coa hipotética axuda salvadora chegaba tarde, foi o que lle aconteceu ao segundo dos mortos, José Itarch Pascual, un mozo de  17 anos que: “no día que o enterraron  chegaron os pais a buscalo, con toda a documentación ... era dunha das familias máis ricas de Barcelona ... que creo que tiñan unha fabrica de fío ou así ...”, segundo nos conta o, na altura, mozo que axudaba o capelán.

    A función clasificadora pasaba a outra fase cos Consellos de Guerra.

    En pouco menos de tres meses faleceron no campo de Santa María de Oia 24 presos. A relación completase, ademais dos dous citados,  con:

José Vilardell Casas, de Muntañola, Barcelona. Labrego de 27 anos.
José Gasparín Matamoros, de San Carlos de la Rapita, Tarragona. Labrego de 24 anos.
José Gímenez Herrero, de Jumilla, Murcia. Ebanista, 20 anos.
Florencio Mujal Vilaseca, de  Llobera, Lleida. Labrego, casado con tres fillos.
José Ibañez Pico, de Esplús, Huesca. Labrego de 40 anos.
Antonio Vila Camprubí, de Mataró, Barcelona. Carpinteiro de 40 anos, casado.
Juan Gasso Ballvi de Terrasa, Barcelona. Tecedor de 29 casado.
Mariano Casals Casado, de Aliña, Lleida. Labrego de 17 anos.
Amadeo Fontanellas Caballero, de Barcelona. Empregado, de 36 anos e casado.
Juan Deu Forns de San Baudilio de LLobregat,  Barcelona. Empregado, de 20 anos.
Conrado Lluch Guardia, de Mataró. Barcelona. Empregado mercantil de 36 anos
Estanislao Vallveriu Villalonga de Vilanova i la Geltrú. Oficinista, de 35.
Miguel Bestraca Albiol de Peñiscola, Castelló de la Plana. Impresor de 19 anos.
Ramón Tabiolas Cantacorpo de Iborra, Lleida. Labrego de 36.
José Bonifacio Ventosa, de Vilanova i la Geltrú, Barcelona. Panadeiro, 38 anos. 
Andrés Barrull Filellas de Torres de Segre, Lleida. Ferreiro de 25 anos.
Francisco Colom Figuerola de Reus, Tarragona. Pintor, 40 anos.
Juan Costa Domenech de Freixenet, Girona. Labrego, 39 anos casado.
Pedro Ferret Altisench de Barcelona. Empregado mercantil de 18 anos.   
Rafael Ripoll Boada de La Selva del Camp, Tarragona. Labrego, 34 anos
Antonio Hernández Angosta de La Unión, Murcia. Dependente, 35 anos
José Comellas Pujol de Oliola,  Lleida. Labrego de 38 anos.

Sábado, 2 de decembro de 2017








   


Ningún comentario:

Publicar un comentario