sábado, febreiro 10, 2018

Unha pipa de whisky e unha historia de éxito

Pon Varufakis na autobiografía política que vén de publicar (Comportarse como adultos, Deusto, 2017) un exemplo que considero maxistral para entender o que é o capitalismo financeiro que ameaza con empobrecer o  99% da poboación e deixar o  1% repartíndose inmensas riquezas xeradas cos improdutivos artificios que demos en denominar “enxeñerías financeiras”.

O libro, cun aquel de axuste de contas comprensiblemente humano do ex ministro de finanzas grego, ten un atrevemento iluminador; o incumprimento dun consello que lle deron na metade do seu breve mandato. Máis ou menos sería así. Tes que escoller, podes ver as cousas desde dentro ou desde fóra. Se escolles quedar fóra podes dicir o que queiras; aos que están dentro elles igual. Se estas dentro sabes que podes chegar aos sitios onde se poden facer realidade as túas ideas; os que teñen poder, escoitarante. Mais para estar dentro tes que aceptar unha lei que non se pode romper: non criticar endexamais os que tamén están dentro. O que non se pode é estar dentro e fóra como recomendan os antropólogos de campo para coñecer o funcionamento das tribos. O gran valor do libro de Varufakis é coñecer de primeira man como funcionan os de dentro.

Comentáballes o do exemplo ilustrador. O conto resumido é. Dous homes, Art e Cohn, coidaron que algo tiñan que facer para saír da miseria. Convenceron o  taberneiro para que lles prestase unha pipa de whisky. O plan consistía e facela rodar ata a aldea do lado onde estaban de festa e vender o licor por copas. Cansos de empurrar o barril tomaron un descanso á beira dun carballo. Art remexendo nos petos esburatados topou unha moeda e díxolle: escoita Cohn, se che dou a moeda podo beber un vaso de whisky? O colega respondeu: home  claro!; mentres gardaba o euro no peto.

Ao pouco Cohn decatouse de que agora era el o que tiña o diñeiro no bulso. Matinou e díxolle: escoita Art, ti que pensas? Se che dou a moeda eu tamén podo tomar un vaso de whisky? Home claro, respondeu Art, desexoso de recuperar a súa moeda. O conto remata co euro cambiando de mans, con risada baixo o carballo ata ficar durmidos e a pipa baleira aos pés dos dous colegas e estes debéndolle o seu evaporado contido ao taberneiro. A historia dun fracaso.

Ora ben, se na vez de Art e Cohn se chamasen con dous imaxinarios nomes de bancos, por exemplo, di Varufakis: Aris e Zorba, podería acontecer a seguinte historia de éxito.  Resúmoa apresurado: O BCE concede aos dous bancos en bancarrota uns pagarés nominais de 5.200 millóns, non é máis que papel porque os bancos están quebrados e non teñen fondos. Aris e Zorba, van cos pagarés ante o ministro de Finanzas que lle pon un  cuño dun estado, tamén en quebra técnica. Aris e Zorba  diríxense ao Banco Central de Grecia, sucursal do BCE que lle deu os papeis, a fin de empregalos como avais de novos préstamos. O Eurogrupo dálle permiso ao BCE, que llo dá ao Banco Central grego, para aceptar os pagarés como avais para un préstamo en diñeiro real por valor do 70% do valor nominal dos pagarés, (algo máis de 3.500 millóns de euros).

O BCE e o Eurogrupo autorizan o ministerio de Finanzas grego a emitir letras do Tesouro  por un valor nominal de 3.500 millóns de euros; pagarés emitidos por un estado quebrado e que ninguén no seu xuízo vai mercar. Daquela, os banqueiros, Aris e Zorba, colleron os 3.500 euros reais que lle emprestou o Banco Central de Grecia, que os recibira do BCE, a cambio dos seus pagarés sen valor, e  empréganos en mercar letras do estado por esa cantidade, é dicir pagarés sen valor dun estado quebrado. Daquela o estado grego cos 3.500 euros reais devolveu parte da débeda que tiña co Banco Central Europeo.

Comportémonos como adultos, seica dixo nunha ocasión Cristine Lagarde nunha tensa reunión.

Luns, 5 de febreiro de 2018



Ningún comentario:

Publicar un comentario